9 de outubro de 2014

FACENDO PAN

Aproveitando o estudo do tema 1 "Os seres vivos" na área de Ciencias da Natureza aprendimos que hai alimentos moi importantes para o ser humano, como o pan, que non poderíamos fabricar sen a axuda de certos seres vivos como son os fermentos.
O fermento empregado para facer pan tamén se coñece polo nome de "masa nai" e é unha mestura fundamentalmente de fariña e auga, habitualmente en proporcións similares, na que se propicia a reprodución dos fungos ou fermentos que de forma natural se encontran dispersos no  noso ambiente. Estes fermentos, do xénero Saccharomyces, son uns microorganismos que se adhiren á superficie dos froitos e grans, por iso existen nas fariñas, especialmente nas integrais, que conservan polo menos parte da envoltura exterior do gran. Ao mesturar a fariña con auga e deixar repousar a mestura, a temperatura ambiente, pasado un tempo estes microorganismos comezan a reproducir e a fermentar esa masa. Normalmente é tan só cuestión de ter un pouco de paciencia.


Despois de 5 días alimentando a nosa masa nai xa a tiñamos lista para facer pan. Facer pan con masa nai, é dicir, engadir a unha masa de pan unha porción de masa previamente feita e en plena fermentación, é o método que usaban os nosos antergos para fermentar o pan, usar masa vella fermentada dun amasado anterior, moito mellor que a levadura artificial que mercamos no super. Esta masa nai vainos proporcionar un pan con máis sabor e cunha maior duración. Nós non tiñamos masa nai previa polo que comezamos o proceso de cero, fabricando o noso propio fermento.

Velaiquí algunhas fotos dalgunha parte do proceso. Amasamos na nosa aula e unha vez a masa levedou, duplicando o seu tamaño, xa estaba lista para bolear polo que dividímola en pequenos boliños e nun bolo grande que deixamos fermentar unhas  dúas horas para  posteriormente levalo xa ao forno do comedor.
















E eiquí están os mestres panadeiros artífices deste fantástico pan:









0 comentarios :