17 de decembro de 2009

Volve o Apalpador

O centro social Madia Leva de Lugo está a recuperar a figura do Apalpador, o Papá Noel galego, un personaxe mítico, orixinario das montañas do Courel e Os Ancares, propio do Nadal en Galicia.

Dende Madia Leva reivindican este personaxe mítico, propio da nosa cultura, que nada ten que ver co importado e foráneo Papá Noel dos países nórdicos.

Desde Madia Leva sinalan que "O Apalpador non é amigo dous centros comerciais, nin dás multinacionais e prefire presentes feitos a man, con materiais reciclados ou adquiridos nun comercio local".

Ata non fai moito tempo, os avós aínda o recordan, Galicia tivo un personaxe popular, mítico, que era o equivalente do Papá Noel, que importamos das culturas nórdicas. Este ser orixinario das terras altas do Courel e O Cebreiro, propio do folclore galego, era O Apalpador ou Apalpa Barrigas.

Rescatado do esquecemento polo investigador José André López González, este ser fantástico é un xigante, de profesión carboeiro, que polas festas de Nadal baixaba das devesas da montaña lucense para visitar aos máis pequenos o último día do ano e comprobar se estaban ben alimentados, para o que lles palpaba a barriga e deixáballes de agasallo unhas castañas quentes. Se os nenos comían ben, dicíalles "Así, así esteas todo o ano".

O vello carboeiro voltará este nadal a apalpar as barrigas dos nenos e darlles castañas traidas desde as montañas do Courel. Pasará polo centro social de Madia Leva o mércores día 30 ás 20h:30 para logo percorrer as ruas da cidade de Lugo.