4 de xullo de 2010

EDMODO. Crea unha rede social na aula


Edmodo é unha plataforma de microblogging privado na que os profesores e os estudantes poden utilizar para enviar notas, ligazóns, arquivos, alertas, tarefas e eventos aos demais. O servizo é gratuíto e está dirixido aos profesores e as súas clases.

Os profesores rexístranse e, a continuación, crean os grupos. Cada grupo ten un código único que é distribuído polo mestre á clase. A continuación, os estudantes poden inscribirse (non se require a dirección de correo electrónico) e unirse ao grupo, utilizando o código.

3 de xullo de 2010

Nova versión de Constructor.



CONSTRUTOR é unha ferramenta de autor que permite crear de xeito doado materiais educativos dixitais grazas ao seu extenso plantilleiro e á sinxela técnica de traballo cos elementos multimedia, baseada no sistema de arrastrar e soltar elementos no espazo de traballo. Os materiais creados con CONSTRUTOR son, ademais, doadamente modificables, o que permite a súa permanente actualización e adaptación a situacións educativas cambiantes.

Na web de Educarex pódese descargar a última versión de Constructor.

28 de maio de 2010

Aprendendo a pensar

Debe basearse a educación en almacenar coñecementos e coñecementos que se esquecen 2 días despois da súa avaliación nun exame? Aprender a pensar será o que nos permita resolver creativamente os problemas que ao longo das nosas vidas nos vaian xurdindo.

9 de abril de 2010

A educación prohibida

A película "La educación prohibida" é froito do traballo dun grupo de novos estudantes de cine que, preocupados polo futuro da educación, investigan proxectos pedagóxicos que buscan unha nova forma de educar. Contra o que se crería, hai moita variedade de proxectos que buscan un mesmo fin, modernos, antigos, occidentais e orientais. As similitudes entre eles levaron a estes novos cineastas a querer unir enfoques e puntos de vista mediante este documental.







A educación prohibida é un proxecto de longametraxe cuxa idea é expor os eternos problemas da educación e presentar técnicas e filosofías educativas que, acordes á felicidade e o crecemento integral do ser humano, ofrezan unha solución que contribúa a un mellor desenvolvemento social.

Está previsto que a película estea lista para fins do 2010, momento no que poderá ser descargada sen custo algún por Internet desde a páxina do grupo. Quen o desexe, tamén pode colaborar de diversas formas na súa realización.

Os fundamentos pedagóxicos do proxecto pódense consultar na mesma web. Algúns destes principios son:

  • O interese do mestre debe ser satisfacer ao seu alumno para fomentar o seu crecemento, non controlalo.
  • O mestre debe confiar en que o neno crecerá e aceptar que non ten que adaptalo ao seu concepto de normal.
  • Os valores non están para ser ensinados, senón para ser vividos.
  • A cognición dos valores e coñecementos fúndase nas emocións, o mellor xeito de educar é mediante o exemplo.

Sitio oficial: La educación prohibida
Fonte: Rosana Larraz

11 de marzo de 2010

Semana da prensa

Do 8 ao 12 de febreiro celebramos a "Semana da Prensa na Escola", unha iniciativa promovida pola Voz de Galicia. Trátase duns días no que a prensa escrita está máis presente, se cabe, na vida do centro. O obxectivo é que os nenos coñezan a diversidade dos medios de comunicación escritos, de fomentar a lectura e a escritura e desenvolver unha análise crítica destes medios.

Unha das actividades que programamos foi que o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria puido participar nunha charla cun xornalista de " La Voz de Galicia", que visitou o noso centro co obxectivo de dar a coñecer ao noso alumnado a profesión de xornalista e todo o proceso de elaboración dun xornal desde o momento en que xurde unha nova ata a súa publicación.


3 de marzo de 2010

Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.

Dende a coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística veñen de lanzar a campaña"Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego". Para elo contaron coa participación de destacados persoeiros da vida galega, Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro. Todos eles saen no video coa idea de transmitir un sentimento de orgullo sobre a nosa lingua e para elo fanno en tres idiomas: galego, castelán e inglés, parodiando as bases para o decreto do plurilingüismo.

Preténdese chegar aos máis novos para que entendan que a lingua galega lonxe de ser un problema é un rico patrimonio de futuro que os dota dunha identidade propia ao mesmo tempo que posibilita o contacto con millóns de persoas no mundo.

Deixámosvos a continuación os dous videos da campaña que foron dirixidos por Antón Reixa.





14 de febreiro de 2010

Divisións con números grandes

Agora que xa sabemos que dividir consiste en repartir en partes iguais, imos a practicar un pouco. Na web de educación do goberno de Canarias teñen un xogo moi interesante co que aprender paso a paso divisións con números grandes no dividendo.


31 de xaneiro de 2010

Celebramos o Día da Paz

O pasado 29 de xaneiro celebramos o "Día escolar da paz e non violencia" con diversas actividades encamiñadas a tomar conciencia de que a construcción dun mundo mellor, máis xusto e solidario é posible.