11 de marzo de 2010

Semana da prensa

Do 8 ao 12 de febreiro celebramos a "Semana da Prensa na Escola", unha iniciativa promovida pola Voz de Galicia. Trátase duns días no que a prensa escrita está máis presente, se cabe, na vida do centro. O obxectivo é que os nenos coñezan a diversidade dos medios de comunicación escritos, de fomentar a lectura e a escritura e desenvolver unha análise crítica destes medios.

Unha das actividades que programamos foi que o alumnado de 2º e 3º ciclo de Educación Primaria puido participar nunha charla cun xornalista de " La Voz de Galicia", que visitou o noso centro co obxectivo de dar a coñecer ao noso alumnado a profesión de xornalista e todo o proceso de elaboración dun xornal desde o momento en que xurde unha nova ata a súa publicación.


3 de marzo de 2010

Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego.

Dende a coordinadora galega de equipos de normalización e dinamización lingüística veñen de lanzar a campaña"Orgullos@s do noso, orgullos@s do galego". Para elo contaron coa participación de destacados persoeiros da vida galega, Martiño Rivas, Belén Regueira, Antón Reixa, Susana Seivane, Luís Tosar e María Castro. Todos eles saen no video coa idea de transmitir un sentimento de orgullo sobre a nosa lingua e para elo fanno en tres idiomas: galego, castelán e inglés, parodiando as bases para o decreto do plurilingüismo.

Preténdese chegar aos máis novos para que entendan que a lingua galega lonxe de ser un problema é un rico patrimonio de futuro que os dota dunha identidade propia ao mesmo tempo que posibilita o contacto con millóns de persoas no mundo.

Deixámosvos a continuación os dous videos da campaña que foron dirixidos por Antón Reixa.