"O QUE ACONTEZA COA TERRA, RECAERÁ SOBRE OS FILLOS DA TERRA. HAI UNHA UNIÓN EN TODO".
No ano 1854, o presidente dos Estados Unidos fíxolle a unha tribo indíxena a proposta de comprar grande parte das súas terras, ofrecendo en contrapartida, a concesión doutra "reserva". A carta de resposta do Xefe Seatle, distribuída pola ONU (programa para o medio ambiente) e máis adiante publicada integramente, foi considerado, a través do tempo, como un dos máis belos e profundos pronunciamentos feitos sobre a defensa do medio ambiente.
O estado de Washington, ao noroeste dos Estados Unidos, foi a patria dos Dewamish, un pobo que, como todos os indios, se consideraba unha parte da natureza, a respectaba e a veneraba, e dende xeracións vivía con ela en harmonía. No ano 1855 o décimo Presidente dos Estados Unidos, o demócrata Flanklin Pierce, propúxolles aos Dewamish que vendesen as súas terras aos colonos brancos e que eles se fosen a unha reserva. Os indios non entenderon isto. Como se podía comprar e vender a Terra? Ao seu parecer o home non pode posuír a Terra, así como tampouco pode ser dono do Ceo, do frescor do aire, do brillo da auga. O Xefe Seattle, o Grande Xefe dos Dewamish, deu a resposta, a petición do Grande Xefe dos brancos, cun discurso a sabedoría da cal, critica e prudente esperanza, mesmo hoxe, case 150 anos despois, asómbranos e admira. "As Miñas palabras son como as estrelas, nunca se extinguen", dixo o Grande Xefe Seattle. O seu pobo non sobreviviu, as súas palabras non se escoitaron.
Mensaxe do Grande Xefe Seattle, da tribo Dewamish,
(ao presidente dos Estados Unidos de Norteamérica Franklin Pierce)
O Grande Xefe Branco de Washington enviounos unha mensaxe dicindo que quere comprar as nosas terras. O gran xefe enviounos tamén palabras de amizade e de boa vontade. Isto é moi amable pola súa parte, pois sabemos que el non necesita a nosa amizade. Non obstante nós meditaremos a súa oferta, pois sabemos que se non vendemos virán seguramente homes brancos armados e nos quitarán as nosas terras.
Pero, como é posible comprar ou vender o ceo ou a calor da terra? Nós non comprendemos esta idea. Se non somos donos da frescura do aire, nin do reflexo da auga, como poderedes compralos?
Nós tomaremos unha decisión. O Grande Xefe de Washington poderá confiar no que diga o xefe Seattle, con tanta seguridade como no transcorrer das estacións do ano. As miñas palabras son como as estrelas, que nunca teñen ocaso.
Cada partícula desta terra é sagrada para o meu pobo. Cada brillante agulla de piñeiro, cada gran de area das praias, cada gota de orballo dos sombríos bosques, cada raio de luz e zumbar dos insectos son sagrados na memoria e vida do meu pobo. O zume que percorre o corpo das árbores leva consigo a historia do home pel vermella.
Os mortos do home branco esquecen a terra onde naceron cando parten para vagar entre as estrelas. En cambio, os nosos mortos non esquecen xamais esta terra marabillosa, pois ela é a nosa nai. Somos parte da terra e ela é parte de nós. As flores perfumadas, o veado, o cabalo, a grande aguia, son nosos irmáns. Os cumios rochosos, os prados húmidos, a calor do corpo dos poldros e dos homes, todos son da mesma familia.
Por todo iso, cando o Grande Xefe de Washington nos comunica que pensa comprar nosas terra esixe moito de nós. Di que nos reservará un lugar onde poidamos vivir agradablemente e que el será o noso pai e nós converterémonos nos seus fillos.
Pero, é iso posible? Deus ama o voso pobo e abandonou os seus fillos vermellos. El envía máquinas para axudar ao home branco no seu traballo e constrúe para el grandes poboados. Fai máis forte o voso pobo de día en día. Pronto inundaredes o país coma ríos que se lanzan por precipicios tras unha tormenta inesperada. O meu pobo é como unha época en regresión pero sen retorno. Somos razas distintas. Os nosos nenos non xogan xuntos e nosos anciáns contas historias diferentes. Deus évos favorable e nós, en cambio, somos orfos.
Nós gozamos de alegría ao sentir estes bosques. A auga cristalina que discorre polos ríos e os regueiros non é soamente auga, senón tamén o sangue dos nosos antepasados. Se vos vendemos as nosas terras debedes saber que son sagradas e ensinade aos vosos fillos que son sagradas e que cada reflexo fugaz da auga clara das lagoas narra vivencias e sucesos do meu pobo. O murmurio da auga é a voz dos meus antepasados.
Os ríos son os nosos irmáns que sacian a nosa sede. Eles levan as nosas canoas e alimentan os nosos fillos. Se vos vendemos as nosas terras debedes recordar isto e ensinade aos vosos fillos que os ríos son os nosos irmáns e que, polo tanto, hai que tratalos con dozura, como se trata un irmán.
O pel vermella retrocedeu sempre ante o home branco invasor, como a néboa temperá se reprega nas montañas ante o sol da mañá. Pero as cinzas dos nosos pais son sagradas, as súas tumbas son chan sagrado, e por iso estes outeiros, estas árbores, esta parte do mundo é sagrada para nós. Sabemos que o home branco non nos comprende. O non sabe distinguir unha parte do país doutra, xa que é un estraño que chega na noite e despoxa á terra do que desexa. A terra non é a súa irmá senón a súa inimiga e cando a dominou segue avanzando. Deixa atrás as tumbas dos seus pais sen preocuparse. Esquece tanto as tumbas dos seus pais como os dereitos dos seus fillos. Trata a súa nai, a terra, e o seu irmán, o aire, como cousas para comprar e devastar, para vendelas coma se fosen ovellas ou contas de cores. A súa voracidade acabará por devorar a terra, non deixando atrás máis que un deserto.
Eu non sei, pero a nosa forma de ser é diferente á vosa. A soa visión das vosas cidades tortura os ollos do pel vermella. Quizais sexa porque somos uns salvaxes e non comprendemos. Non hai silencio nas cidades dos brancos. Non hai ningún lugar onde escoitar como se abren as follas dos árbores en primavera ou o zunido dos insectos. Quizais sexa só porque son un salvaxe e non entendo, pero o ruído das cidades unicamente ofende aos nosos oídos. De que serve a vida se non podemos escoitar o berro solitario dunha ave, nin o croar nocturno das ras ao bordo da charca? Son un pel vermella e nada entendo, pero nós amamos o rumor suave do vento, que acaricia a superficie do regueiro, e o olor da brisa, purificada pola chuvia do mediodía ou densa polo aroma dos piñeiros.
O aire é precioso para o pel vermella, pois todos os seres comparten o mesmo alento: o animal, a árbore, o home..., todos respiran o mesmo aire. O home parece non notar o aire que respira. Como un moribundo que agoniza dende hai moitos días, é insensible á pestilencia.
Pero se nós vos vendemos as nosas terras non debedes esquecer que o aire é precioso, que o aire comparte o seu espírito con toda a vida que mantén. O aire deu aos nosos pais o seu primeiro alento e recibiu a súa última expiación. E o aire tamén debe dar aos nosos fillos o espírito da vida. E se nós vos vendemos as nosas terras, debedes aprecialas como algo excepcional e sagrado, como o lugar onde tamén o home branco sinta que o vento ten o doce aroma das flores das pradarías.
Meditaremos a idea de vender as nosas terras, e se decidimos aceptar, será só cunha condición: o home branco deberá tratar os animais do país como aos seus irmáns. Eu son un salvaxe e non o entendo doutra forma. Eu vin miles de bisontes podrecéndose, abandonados polo home branco tras matalos a tiros dende un tren que pasaba. Eu son un salvaxe e non podo comprender que unha máquina fumegante sexa máis importante que os bisontes, aos que nós cazamos tan só para seguir vivindo.
Que sería do home sen os animais? Se os animais desaparecesen o home tamén morrería de grande soidade espiritual. Porque o que lle suceda aos animais, tamén pronto lle acontecerá ao home. Todas as cousas están relacionadas entre si. O que afecte á terra, afectará tamén aos fillos da terra.
Ensinade aos vosos fillos o que nós ensinamos aos nosos fillos: a terra é a nosa nai. O que afecte á terra, afectará tamén aos fillos da terra. Se os homes chuspen á terra, chúspense a si mesmos. Porque nós sabemos isto: a terra non pertence ao home, senón o home á terra. Todo está relacionado como o sangue que une a unha familia. O home non creou o tecido da vida, senón que simplemente é unha fibra del. O que fagades a ese tecido, facédesvolo a vós mesmos.
O día e a noite non poden convivir. Os nosos mortos viven nos doce ríos da terra, regresan co paso silencioso da primavera e o seu espírito perdura no vento que riza a superficie do lago.
Meditaremos a idea do home branco de comprar as nosas terras. Pero, pode acaso un home ser dono da súa nai? O meu pobo pregunta: que quere o home branco? Pode mercar o aire ou a calor da terra, ou a axilidade do veado? Como podemos nós vendervos esas cousas, e vós como poderiades mercalas? Podedes acaso facer coa terra o que vos pete, simplemente porque un pel vermella firme un anaco de papel e entréguello a un home branco? Se nós non posuímos a frescura do aire, nin o reflexo da auga, como poderedes mercalos? Acaso poderedes volver comprar os bisontes, cando matedes ata o último?
Cando todos os bisontes sexan sacrificados, os cabalos salvaxes domados, os misteriosos cantos do bosque profanados polo alento angustioso de moitos homes e se atiborren de cables parlantes a espléndida visión dos outeiros... onde estará o bosque? Será destruído. Onde estará a aguia? Desaparecerá. E isto significará o fin da vida e o comezo da loita pola supervivencia.
Pero vós camiñaredes cara ao desastre brillando gloriosamente, iluminados coa forza do deus que vos trouxo a este país e vos destinou para dominar esta terra e ao pel vermella. Deus deuvos poder sobre os animais, os bosques e os peles vermellas por algún motivo especial. Ese motivo é para nós un enigma. Quizais o comprendésemos se soubésemos con que soña o home branco, que esperanza transmite aos seus fillos nas longas noites de inverno e qué ilusións bulen na súa imaxinación que os faga anhelar o mañá.
Pero nós somos salvaxes e os sonos do home branco permanécennos ocultos. E por iso seguiremos distintos camiños, porque por riba de todo valoramos o dereito de cada home a vivir como queira, por moi diferente que sexa dos seus irmáns.
Non é moito realmente o que nos une. O día e a noite non poden convivir e nós meditaremos a vosa oferta de comprar o noso país e enviarnos a unha reserva. Alí viviremos á parte e en paz. Non ten importancia onde pasemos o resto dos nosos días. Os nosos fillos viron os seus pais denigrados e vencidos. Os nosos guerreiros foron humillados e tras a derrota pasan os seus días cansos, envelenando os seus corpos con comidas doces e fortes bebidas. Carece de importancia onde pasemos o resto dos nosos días. Xa non serán moitos, Poucas horas máis, quizais un par de invernos, e ningún fillo das grandes tribos que antano vivían neste país e que agora vagan en pequenos grupos polos bosques, sobrevivirán para lamentarse ante a tumba dun pobo, que era tan forte e tan cheo de esperanzas como o noso.
Pero cando o último pel vermella haxa desaparecido desta terra e os seus recordos só sexan como a sombra dunha nube sobre a pradaría, aínda estará viva o espírito dos meus antepasados nestas ribeiras e nestes bosques. Porque eles amaban esta terra como o recén nacido ama o latexar do corazón da súa nai.
Pero, por que hei de lamentarme polo ocaso do meu pobo? Os pobos están formados por homes, non por outra cousa. E os homes nacen e morren como as ondas do mar. Mesmo o home branco, no que o seu deus camiña e fala con el de amigo a amigo, non pode eludir ese destino común. Quizais sexamos realmente irmáns. Unha cousa se sabemos, que quizais o home branco descubra algún día que o noso Deus e o voso, son o mesmo Deus. Vós quizais pensades que lle posuídes, ao igual que pretendedes posuír o noso país, pero iso non podedes logralo. El é o Deus de todos os homes, tanto dos peles vermellas como dos brancos. Esta terra élle preciosa, e danar a terra significa desprezar o seu Creador.
Tamén os brancos desapareceredes, quizais antes que as demais razas. Continuade ensuciando o voso leito e unha noite morreredes asfixiados polos vosos propios excrementos.
Nós meditaremos a vosa oferta de comprar a nosa terra, pois sabemos que se non aceptamos virá seguramente o home branco con armas e nos expulsará. Porque o home branco, que detén momentaneamente o poder, cre que xa é Deus, a quen pertence o mundo.
Se vos cedemos a nosa terra amádea tanto como nós a amabamos, coidádea tanto como nós a coidamos, e conservade o recordo de tal como é cando vós a tomedes.
E con todas as vosas forzas, o voso espírito e o voso corazón, conservala para os vosos fillos e amádea como Deus nos ama a todos.
Pois aínda que somos salvaxes sabemos unha cousa: o noso Deus é o voso Deus. Esta terra é sagrada. Mesmo o home branco non pode eludir o destino común. Quizais mesmo sexamos irmáns. Quen sabe!
Autor: Xefe Seattle
0 comentarios :
Publicar un comentario