A película "La educación prohibida" é froito do traballo dun grupo de novos estudantes de cine que, preocupados polo futuro da educación, investigan proxectos pedagóxicos que buscan unha nova forma de educar. Contra o que se crería, hai moita variedade de proxectos que buscan un mesmo fin, modernos, antigos, occidentais e orientais. As similitudes entre eles levaron a estes novos cineastas a querer unir enfoques e puntos de vista mediante este documental.
A educación prohibida é un proxecto de longametraxe cuxa idea é expor os eternos problemas da educación e presentar técnicas e filosofías educativas que, acordes á felicidade e o crecemento integral do ser humano, ofrezan unha solución que contribúa a un mellor desenvolvemento social.
Está previsto que a película estea lista para fins do 2010, momento no que poderá ser descargada sen custo algún por Internet desde a páxina do grupo. Quen o desexe, tamén pode colaborar de diversas formas na súa realización.
Os fundamentos pedagóxicos do proxecto pódense consultar na mesma web. Algúns destes principios son:
- O interese do mestre debe ser satisfacer ao seu alumno para fomentar o seu crecemento, non controlalo.
- O mestre debe confiar en que o neno crecerá e aceptar que non ten que adaptalo ao seu concepto de normal.
- Os valores non están para ser ensinados, senón para ser vividos.
- A cognición dos valores e coñecementos fúndase nas emocións, o mellor xeito de educar é mediante o exemplo.
0 comentarios :
Publicar un comentario